Este longo período de inactividade na bitácora; é debido, entre outras cousas, a temas de índole persoal. Os meses estivais de Xullo, Agosto e Setembro son os máis produtivos para o grupo, onde temos case que a totalidade dos fins de semana ocupados. A pesares disto sempre hai un oco para narrar algunhas das múltiples anécdotas que xorden nestas datas.
O pasado Domingo 10 estivemos no Maño (A Pobra do Caramiñal), máis coñecida esta parroquia pola súa praia de Cabío. O festexo facíase na honra a Virxe do Carme, a mañá realizamola alborada como de costume, por tódolos recunchos da parroquia, e a tarde tocamos unhas pezas antes da misa, para logo saír en Procesión.
A sorpresa foi, antes de comezar o percorrido, cando un representante da Comisión se dirixe a nós para que algún do grupo faga de “costaleiro”1, ou sexa, que transporte coa axuda de máis persoas a santa. Non houbo moito que discutir, o elexido foi Miguel García, máis coñecido en Portonovo co apelativo ”De La Torre”, ese home tremendamente capacitado que compaxina a gaita coas profesións de bodegueiro e albanel, e que a parte aínda saca tempo “para medir rotondas” e o que faga falla. Vamos o típico xenro que toda sogra querería ter na casa.
Para recoller este testemuño sen precedentes contamos coa inestimable axuda dunha intrépida fotógrafa, que ademáis ese día actuou como bombeira, Reme, sen ela non sería posible esta reportaxe. Grazas por todo.
1.Costaleiro en andalú: Persona, por lo general hoy día, hermano de la Hermandad, que junto con otros, soporta, lleva y pasea con muchísimo amor y arte las Imágenes de sus titulares, sobre el paso, y éste a su vez, soportando el peso sobre su cerviz, espalda y riñones, debajo en su lugar de las trabajaderas. Antiguamente, los costaleros, eran personas fuertes, generalmente cargadores del muelle o similares.



Escrito por robertopineiro