Este segundo mes do ano tamén alcumado mes do Carnaval, tivemos principalmente dous compromisos festivos que nos tiveron ocupados nas datas da celebración máis ancestrais e máis “pagana” de cantas se celebran, o Entroido.
Comezamos o Sábado 21 en Pelete, nunha comida que organizan as xentes da aldea e máis a directiva da Comisión das festas que se celebran no mes de Setembro, traen da zona do Ribeiro o viño en camións-cisterna e deposítano nas cubas que xa teñen preparadas para que repouse o tempo necesario para ser consumido en datas anteriormente mencionadas.
O Domingo 22, fomos acompañando a Comparsa dos Xubilados de Noalla, a mañá fomos polos bares, restaurantes e outros establecementos comerciais de Pontes e Aios e a tarde presentámonos no Concurso celebrado na Praza dos Barcos en Sanxenxo, a coincidencia fixo que nos tocara o turno de actuar ó solpor.
Levamos duas pezas a primeira “A crisis”, con música do “Caneco”, e que fai referencia a actual situación económica na que estamos inmersos e critica ós políticos a nivel nacional e autonómico. A segunda titulada “Promesas de políticos”, coa melodía do “Sacristán de Coimbra”, é unha crítica-satírica en clave local con alusións directas á Alcaldesa e os concelleiros da parroquia de Noalla.
O Martes 24 á tarde, novamente fomos de “xira” coa Comparsa transmitindo a esencia e a alegría do Carnaval, primeiro polos bares e restaurantes da Lanzada e Noalla, para logo transladarnos a Vilalonga e percorrer case que tódolos bares do casco urbán. En conclusión, levamos o espíritu do Entroido por estas duas parroquias nas que non hai ningún tipo de evento ou celebración nestas datas tan sinaladas. Por eso temos que dicir ben alto: LONGA VIDA Ó ENTROIDO!

ODB coa Comparsa dos X. de Noalla

Escrito por robertopineiro